Xa están dispoñibles na páxina de IN-RECS os datos referidos ó 2007, aparecendo novidades fronte ós anos anteriores.
Sen dúbida, o máis salientable é o cambio no cálculo do Factor de Impacto. Ata o de agora, tíñanse en conta os artigos publicados os dous anos inmediatamente anteriores ó ano para o que se calcula o impacto. A partires dos datos do 2007 (incluído) amplíase o período, pasando a ser considerados tres anos, en lugar de dous.
Por outra banda, aparece unha opción moi interesante, que é a posibilidade de que o propio autor dos documentos indizados poidan engadir ou correxir a información bibliográfico da súa produción.
Na web da Biblioteca da Universitat Pompeu Fabra atopamos unha pequena guía moi interesante sobre os indicadores e as ferramentas bibliométricas dispoñibles para medir e evaluar a produción científica. Recolle información moi precisa e ben estructurada para cada un dos conceptos que trata, entre eles, Factor de Impacto, Índice H ou Índice de Inmediatez.
Esta guía está elaborada polo grupo Biblioteca y Tic, pertencente á propia Universidade, que ten como obxectivo proporcionar servicios bibliotecarios, informáticos e audiovisuais de calidade có fin de contribuir á innovación e á excelencia na docencia, aprendizaxe, investigación e xestión.
O programa ConCiencia, organizado pola USC recibiu onte a Frances Elizabeth Allen, premio Turing (considerado como o Premio Nobel da Informática) 2006 polas súas contribucións á mellora da rendibilidade dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alta rendibilidade.
Frances ten o privilexio de ser a primeira muller á que se lle concede este premio e tamén a primeira en participar neste programa de divulgación científica, organizado pola USC en colaboración co Consorcio e a Fundación Caixa Galicia.
Hoxe, a investigadora reunirase con diversos investigadores da USC no Centro de Estudos Avanzados e mañá dará unha conferencia, aberta ao público, no centro sociocultural da Fundación Caixa Galicia que leva por título “Unha peregrinación polas altas sendas da computación“.
Grazas ao programa Conciencia, dirixido polo profesor da USC, Jorge Mira, temos a posibilidade de coñecer e acercarnos a diversos investigadores de relevancia de tódalas áreas científicas. A continuación engadimos o cienciograma das Ciencias da Computación en Galicia onde vemos que se trata dunha área moi relacionada coas matemáticas e as enxeñerías.
Ontes puidemos ler en diferentes xornais (impresos e dixitais) noticias relacionadas coa evolución da produción científica do Sistema Universitario de Galicia recollida nas bases de datos de ISI, durante o periodo 2002-2006. Os datos aparecidos toman como base o informe elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGALICIA), (http://www.bugalicia.org/adjuntos/estudios/PCSUG_Informe_2002-2006_ISI.pdf).
Do estudo despréndese que a produción científica do SUG constitúe o 76,5% da produción total en Galicia, aportando no periodo citado 9.044 documentos (artigos, cartas, revisións, material editorial e notas, entre outros) dos 11.818 documentos totais galegos indizados en ISI. A USC encabeza a lista por número de documentos, con 5.383, seguida de UVI con 2.954 e da UDC con 1.380. Asemade, nas áreas temáticas nas que máis se publicou foi en Química, Mediciña, Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, Física e Ciencias do Espazo e Bioloxía Vexetal e Animal, Ecoloxía.
A continuación, recóllense algúns dos enlaces ás noticias aparecidas en distintos medios dixitais referentes ó estudo de BUGALICIA:
A USC, crea a Rede Woman Emprende como forma de impulsar a creación empresarial no ámbito universitario. Deste xeito a universidade apoia a máis do 50% dos seus alumnos (que son mulleres). Segundo Senén Barro, “la Universidad de Santiago tiene nombre de mujer“, comentou onte o rector na inauguración do Emporium Woman Emprende.
Sen dúbida unha boa iniciativa que permitirá á muller aventurarse con máis apoio á hora de crear a súa propia empresa xa que a USC creará un fondo de capital de risco para este fin.
Á inauguración do I Emporium Woman Emprende tamén asistiron a Conselleira de Educación, Elena Sánchez Piñón e a Ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, quen afirmou que o seu ministerio esforzarase por apostar polas empresas innovadoras desde a igualdade entre homes e mulleres.